Comunicación Previa de Obras
Se tes pensado realizar unha pequena reforma, reparación ou actuación na túa propiedade, na maioría dos casos non é necesario solicitar unha licenza de obra complexa. Basta con presentar unha Comunicación Previa no Concello.
Que tipo de obras precisan este trámite? A comunicación previa serve para informar ao Concello do inicio das seguintes actuacións:
- Fachadas e cubertas: Pintura, substitución de ventás, canalóns, impermeabilizacións ou cambio do material do tellado.
- Obras interiores: Pintura, alicatados, cambio de chans, renovación de fontanería, electricidade ou modificación da distribución interior da vivenda.
- Pequenas construcións e parcelas: Peches de fincas, pavimentados, limpeza de terreos ou edificacións moi pequenas e sinxelas (que non sexan para vivir, dunha soa planta ata 3 metros de alto e menos de 50m²).
Que documentación tes que achegar? Xunto co formulario de comunicación previa debidamente cuberto e asinado, terás que presentar:
- O xustificante de ter pagado as taxas correspondentes.
- Fotografías do estado actual do lugar onde vas facer a obra.
- Un plano de situación ou a referencia catastral exacta.
- O orzamento detallado do que custa a obra.
- Unha descrición dos materiais que vas usar e as dimensións.
- As autorizacións doutros organismos (como Augas ou Estradas) ou a solicitude de ocupación da rúa, só no caso de que a túa obra o requira.
(Nota: Dependendo da complexidade dalgunhas obras, como cambiar a estrutura do tellado ou modificar a distribución da casa, podería requirirse un informe ou bosquexo asinado por un técnico competente).
Como presentar a documentación? Podes descargar o formulario oficial xusto aquí debaixo. Unha vez cuberto, podes presentalo presencialmente no Rexistro do Concello (Praza San Rosendo, 1) ou consultarnos calquera dúbida a través do correo electrónico: concello.xunqueiradeambia@eidolocal.es.
