Peregrinos

Camiño de Santiago

Benvidos a Xunqueira de Ambía

Peregrino, benvido á páxina oficial do Concello de Xunqueira de Ambía. Aquí atoparás toda a información sobre a nosa relación co Camiño de Santiago e os detalles prácticos para que a túa estancia no noso albergue sexa perfecta.

A Vía da Prata e o Camiño Mozárabe

A Vía da Prata é, sen dúbida, o trazado xacobeo cun maior percorrido cara a Santiago de Compostela, atravesando as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña. Trátase dunha prolongación da antiga calzada romana que noutros tempos unía Emerita Augusta (Mérida) con Asturica (Astorga), salvando as canles de ríos tan importantes como o Texo e o Douro. Esta vía realizouse a principios da nosa era cristiá aproveitando camiños aínda máis antigos, facendo gala do espírito práctico dos romanos. Hoxe en día, aínda conservamos un miliario desa época na entrada do noso concello.

O Camiño entra en Xunqueira de Ambía polo pobo de Bobadela e percorre Padroso, Cimadevila, Quintela, Xunqueira, San Xillao, A Pousa, Vila Nova, Salgueiros e Os Casares. Ao longo da túa etapa gozarás da paisaxe do Alto Arnoia, de aldeas con casas blasonadas e de xoias como a capela da Virxe do Camiño (en A Pousa). É unha ruta sen aglomeracións, perfecta para quen busca a esencia do Camiño.

A nosa vila é un dos principais puntos da Vía da Prata e ten unha fonda tradición de acollida, xa que a nosa historia xira en torno á maxestosa Colexiata de Santa María a Real. A súa construción comezou no ano 1164 por orde de Fernando II de León e rematou a finais do século XIII. Pegado á igrexa, xa no século XVI, construíuse o seu espectacular claustro. A importancia de Xunqueira para os camiñantes era tal que noutros tempos, alá polo 1541, o prior Don Alonso de Piña fundou un hospital anexo ao mosteiro cunha capacidade para acoller ata cen peregrinos.

Albergue de Peregrinos

As nosas instalacións están preparadas para ofrecerche o mellor descanso despois da etapa. O albergue conta con 24 prazas (dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida). Ademais, dispoñemos do pavillón de deportes para acoller a grupos numerosos.

Horarios e Contacto

Apertura: 12:30 horas.

Peche: 22:00 horas.

Selaxe de credenciais: De 12:30 a 15:30 h e a partir das 20:00 h (no propio albergue).

Teléfono de atención: 689 866 494

Condicións de uso

Para acceder é necesario adquirir o bono de albergue (10€).

Só se permite a estancia dunha noite.

A orde de preferencia para ocupar as prazas é a oficial: 1º Peregrinos a pé, 2º A cabalo, 3º En bicicleta e 4º Persoas con coche de apoio.

É imprescindible conservar o bono durante toda a estancia.

Oficina de Turismo e Visitas

Se queres coñecer a nosa historia a fondo, a Oficina de Turismo permanece aberta as fins de semana (sábados e domingos de 16:30 a 19:30 h). Polo prezo simbólico de 1€ por persoa, poderás acceder tanto á Colexiata de Santa María a Real como ao seu Claustro.

Edificio moderno de cor avermellada e deseño contemporáneo que funciona como albergue, situado nunha contorna verde.
Logo

© Concello de Xunqueira de Ambía

Information icon

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.