Colexiata de Santa María a Real

Xunqueira de Ambía

Colexiata Santa María a Real

A data do dintel da Porta Grande, 1164, non significa, segundo diferentes interpretacións, a data da fundación, senón a da consagración, sen estar aínda rematada a súa construcción. Algúns profesores advirten dúas etapas na súa construcción:

- a primeira abrangue, as dúas Portadas, a Cabeceira e as partes baixas de toda a igrexa.

- a segunda abranguería as partes altas, nas que xa se apunta a aparición do Gótico.

 A igrexa Ex-colexiata de Santa María a Real de Xunqueira de Ambía é de estilo románico, con engadidos de outras épocas e estilos, e está considerada coma un dos monumentos máis fermosos da arte románica rural en Galicia.

Fachada Principal

Dividida por contrafortes en tres partes que se corresponden coas naves interiores. Os contrafortes levan arrimadas columnas que van ata o tellado con remates, unha, con un enfrontamento de animais, e a outra, cunha loba aleitando lobiños.

Portada románica: Formada por tres Arquivoltas de medio punto, apoiadas sobre columnas lisas ou estriadas, con capiteis de follas.

Tímpano sobre machetas, perforado por unha ventá rectangular; debaixo dela hai un letreiro que parece ser, é a data da inauguración da parte baixa da igrexa sen estar feita a parte alta.

Un Tejaroz ou Tornachuvias apoiado sobre arquiños, decorados con motivos xeométricos típicos ourensáns, apoiados en canzorros.

Un Rosetón sobre a imposta, dous ollos laterais e rematando a fachada en piñón rebaixado.

O Beiril do tellado está sostido por unha colección de canzorros a meirande parte deles zoomorfos.

O Claustro

 É Gótico-Renacentista, de amplas e fermosas proporcións, de un só corpo, con arcos de medio punto, con tímpanos calados, apoiados en machóns cubertos de nervaduras; é de forma cadrada e ten teito de madeira. Foi construído a primeiros do S.XVI. Nos muros interiores ten elementos do primitivo claustro románico. No interior do claustro, atópanse uns sarcófagos románicos dos fundadores do primitivo mosteiro, Aldara e Gonzalo.

No da Aldara figura, unha A e unha media lúa en cuarto crecente, na pedra tapadeira. No sarcófago de Gonzalo figura unha espada alongada, na pedra que a cobre, e dúas aves mirando á cabeceira.

Na segunda metade do S. XIX e comezo do XX foi empregado como cemiterio. Ao longo do tempo pasou por  destruccións, abandonos e diferentes restauracións.

O interior

O interior é de planta basilical románica, dispón de TRES NAVES separadas entre si por arcos formeiros, lixeiramente apuntados, que descansan sobre columnas rectangulares con medias columnas adosadas rematadas en variados capiteis de follas; sobre estes arcos descansa un falso Triforio con arcos de medio punto sostentados por columnas redondas xemelgas, que percorre ó longo de toda a nave. 

Na esquerda, un retablo, tamén barroco, ten no centro unha imaxe da Virxe do Carme e por enriba dela San Agostiño, copatrón da ex-colexiata. Neste retablo hai outras imaxes  de valor artístico como, un  San Martiño de Tours do S. XVI; ou a Santa Mª. Magdalena atribuída a Cornelis de Holanda.

Na nave esquerda, no muro lateral, preto da entrada á sancristía, hai baixo un arco conopial, un pequeno retablo cun grupo de imaxes formado por Santa Ana, San Xoán Bautista e San Xoaquín, conxunto do S. XVI. Neste mesmo muro, sobre unha peaña, atópase unha Virxe do Rosario, fermosa talla barroca.

O Órgano

ÓRGANO: Esta igrexa tivo o longo da súa historia tres órganos ; o terceiro, e actual, data de 1759; é un órgano típico hispano churrigueresco; a súa caixa barroca remata no alto cunha fermosa talla de Santa María cos anxos ós seus pes. Está actualmente en uso, e nel danse, anualmente a finais de Agosto, concertos por expertos organistas nacionais e estranxeiros.

Ábsides

TRES ÁBSIDES: O Central, é  semicircular, dividida por columnas adosadas, capiteis bizantinas e tres ventás  de medio punto enmarcadas con columniñas de fermosas capiteis. Entre a ábsida central e o Piñón, rematada co Agnus Dei e cruz antefixa, hai un fermoso rosetón calado, finamente ornamentado.


As  dúas ábsidas laterais, polo  exterior, están  tapadas, por engadidos posteriores: a dereita, por unha capela do  S. XVI, e a esquerda, pola sancristía do mesmo século.

Retablo Maior

O RETABLO MAIOR: “...obra interesantísima da arte renacentista  con influenzas flamencas” das primeiras décadas do S. XVI. Son tres os mestres autores: Mestre Xoán, entallador; Gaspar Salgado, imaxineiro; Pedro Bello, pintor.  ...” o retablo de Xunqueira, é peza de interese e importancia, tanto obxectivamente canto coma obra significativa e a súa influencia haberá que estudiar  en relación coa introducción das formas renacentes, por vía  flamenca, na arte de Ourense e na arte de Galicia”
(Miguel Ángel González: EL RETABLO MAYOR DE LA COLEGIATA DE XUNQUEIRA DE AMBÍA)

Tumba Funeraria

TUMBA FUNERARIA: do Cabaleiro Álvaro Sotelo, (1508), colocada baixo un arco de pedra, sobre o que está o Órgano. Sepulcro pétreo en forma de arca e cunha figura de cabaleiro xacente; é o único que permanece na igrexa, ...”con calidade que había de estar o seu sepulcro na igrexa de Xunqueira e se conservase nela; e senón non gozase das súas rendas”

Arco de Entrada

ARCO de ENTRADA a todo o conxunto que data do S. XVI. Neste arco de medio punto mandou, o prior D. Martín de Córdoba, colocar as armas de Felipe II e ó seu carón hai unha inscrición laudatoria coas armas deste prior.

O Pazo Prioral

O PAZO PRIORAL: Que foi, antigamente, CASA RECTORAL, CELEIRO. Ten elementos románicos dispersos e reempregados na construcción. Na actualidade estase a levar a cabo nel un ambicioso proxecto de restauración. 

Galería

Seguimos construíndo...

Logo

© Concello de Xunqueira de Ambía

Information icon

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.